Introdución
É
un feito
coñecido, desde que Martin Marrrier publicou en 1614 o Catálogo
de priorados e abadías cluniacenses, que en San Salvador de
Budiño existiu un mosteiro da orde de Cluni, do cal se conserva tan
só a igrexa, hoxe parroquial. En España, o pai beneditino Yepes
(século XVII) e o agostiño Flórez (século XVIII) coñeceron as
noticias de Marrier e achegaron algunhas novas e, desde entón, son
numerosas as referencias ao cenobio nos traballos sobre o monacato
cluniacense e sobre o románico galego, aínda que a maioría son
breves anotacións que se limitan a repetir os datos de Flórez, as
máis das veces con erros ou interpretacións sen base documental.
Aínda
que a documentación orixinal do cenobio perdeuse, desde mediados do
século XIX a edición dos documentos dos arquivos da casa matriz de
Cluni puxo ao alcance dos estudosos numerosos datos relativos a
Budiño, pero na maior parte da historiografía española foron
ignorados e, ata
2011, só se lle
adicara ao mosteiro un modesto
artigo de seis páxinas (PENADÉS CALATAYUD (1994)), e á súa igrexa
unha breve ficha nun estudo sobre o románico na provincia de
Pontevedra (BANGO TORVISO (1979), p. 220),
aínda que con posterioridade á redacción deste traballo publicouse
unha ficha máis completa sobre a igrexa na Enciclopedia del Románico en Galicia
: Pontevedra (vol. I) da Fundación Santa María la Real de
Aguilar de Campoo, véxase RAMOS DÍAZ (2012). Ocupouse tamén da
igrexa Lorena Torrado Gándara na súa tese doutoral (2016), sen ningunha
achega relevante.
O
obxectivo deste traballo é cubrir esa carencia e reconstruír a
historia do cenobio recompilando toda a documentación existente
sobre el e sobre os seus fundadores, á vez que se analiza a súa
evolución no contexto da terra de Toroño, a xurisdición de
orixe medieval na que se atopa. Naturalmente, estúdase tamén a súa
igrexa tanto a parte medieval conservada (a ábsida) coma os
engadidos, reconstrucións e restauracións ata os nosos días.
_____________________
[1] GONZÁLEZ MONTAÑÉS, Julio I., O
Mosteiro de San Salvador de Budiño e a ‘Terra de Toroño’, IEV,
Colección Vigo na memoria, Vigo, 2011.
Outras páxinas Web do autor |